Comunicado sobre o Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de Ensino da Consellería de Educación

Dende a directiva da ANPA Airiña queremos informar ás familias asociadas da publicación por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional o Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021 [1][2]. Este protocolo foi presentado na mesa sectorial convocada o pasado 16 de xullo, á que, a pesar do seu nome, non se convocou a ningunha representación das familias.

As organizacións sindicais que asistiron á mesa sectorial reclamaron a retirada do borrador e finalmente abandonaron a reunión, facendo un chamamento á mobilización social contra este protocolo que consideran unha falta de respecto a toda a comunidade educativa.

Dende as organizacións sindicais convocáronse cazoladas na sede da Consellería en San Caetano (Santiago de Compostela), unha o pasado día 22 de xullo e outra o vindeiro 28 de xullo ás 11:30 horas.

É importante lembrar que as recomendacións do Ministerio de Educación indicaban que as “aula-burbulla” debían ter como máximo 20 alumn@s e unha distancia social de 1.5 metros entre alumn@s, pero no protocolo da Consellería auméntase a ratio ata un máximo de 25 alumn@s por aula e unha distancia de 1 metro, dende o centro da cadeira.

Neste punto, compre aclarar que a redución da distancia de seguridade a 1 metro, xustifícase nunha publicación da Organización Mundial da Saúde (OMS)[3], pero en dito documento o que realmente recomenda a OMS é que a distancia entre pupitres se incremente ata como mínimo 1 metro.

Choca tamén a elección de 1 metro de separación entre o centro de cadeiras para o alumnado cando no mesmo protocolo se marca que para o programa de madrugadores a distancia entre colchóns ou colchonetas deberá ser de 1.5 metros, a mesma que deberá manterse no comedor, ou que na sala de profesorado e departamentos se deba limitar o aforo para garantir unha distancia interpersoal de 1.5 metros.

Outros puntos conflitivos son o transporte, as actividades extraescolares ou  os comedores escolares. Neste último caso, limítase o seu aforo, establecendo a posibilidade de facer quendas en función do persoal dispoñible para atender ós comensais. Pero non se contempla a contratación de persoal que poida atender con seguridade un comedor xa de por si masificado, vulnerando o dereito das familias á conciliación.

Estivemos en contacto coa Federación de ANPAS de Ourense, da que formamos parte, para coñecer a súa postura neste tema e trasladáronnos que dende a Federación se está traballando na liña de centralizar as mobilizacións nun primeiro momento a través da Confederación de ANPAS de Galicia na sede da Consellería, para despois organizar mobilizacións a nivel provincial, non descartando mobilizacións locais.

Na directiva temos consenso en que non se pode permitir comezar o curso tal como se está plantexando, como se non estivéramos atravesando unha pandemia mundial, e consideramos que polo menos se debería:

  • Garantir a distancia social de 1.5 metros para @s nen@s nas aulas.
  • Contratar máis persoal docente para facer fronte ó incremento de aulas.
  • Contratar máis persoal de apoio para os comedores.
  • Contratar persoal sanitario para poder xestionar calquera posible incidencia no centro.
  • Contar coas familias para a elaboración dos protocolos que nos afectan directamente

En base ó anteriormente exposto, as familias asociadas deberían dar a súa opinión xa que a directiva só somos unha parte da asociación. Decidimos así, facervos chegar as nosas inquedanzas e pulsar a vosa opinión para, en base a ela, dirixir os nosos esforzos. Esperamos as vosas opinións e contribucións, a través do noso Facebook, WhatsApp ou correo electrónico.

Saúde!

[1] http://www.edu.xunta.gal/portal/node/31578

[2] Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021

[3] https://www.who.int/publications/i/item/considerations-for-school-related-public-health-measures-in-the-context-of-covid-19

Publicacións populares deste blog

Nós, a ANPA

ELECCIÓNS AO CONSELLO ESCOLAR 2024