Manifesto da Confederación de ANPAS Galegas para o inicio do curso 2020-21

 A Confederación ANPAS Galegas publicou un manifesto para o vindeiro inicio de curso. Tras leelo detidamente, dende a directiva da ANPA Airiña coincidimos coas súas principais esixencias e sumámonos á petición lexítima dunha volta segura ás aulas. Recomendámosvos a súa lectura.

Podedes consultar o manifesto completo na súa páxina web. A continuación deixámosvos o resumo das súas esixencias.

- A volta presencial ás aulas, pero segura e responsábel, de non ser así, exerceremos o noso dereito a sermos as defensoras últimas da seguridade das nosas fillas e fillos, sen límites.

- Un plan de acollida emocional ao alumnado que inclúa o fornecemento de formación e medios ao profesorado, equipas directivas e persoal non docente.

- A reorganización, formal e homoxénea en todo o territorio galego, dos currículos das materias deste curso 2020-2021, reducíndoos para que poidan incorporar todos os contidos do 3º trimestre do curso pasado.

- A posta en marcha inmediata da contratación de persoal de enfermería en cada centro escolar.

- A dotación en todos os centros escolares da figura da educadora social.

- O mantemento sistemático da distancia de 1,5 metros durante todos os momentos e circunstancias lectivas, en consecuencia:

  • Procura dos espazos necesarios para facilitar o desdobre de aulas.
  • Contratación do profesorado necesario.
  • Contratación do persoal de apoio necesario.

- Gratuidade absoluta, para toda a comunidade educativa, do material necesario para a protección e hixiene das persoas e lugares onde se realicen as actividades lectivas ou complementares.

- Posibilidade de non asistencia a clase para aquel alumnado que estea en situación de risco sanitario, ou que conviva con persoas nesa situación; logo de xustificar esta circunstancia.

- Organización profesional da limpeza e hixiene dos centros educativas e do transporte escolar.

- Garantía de detectar e atender a calquera fenda dixital (económica, xeográfica ou formativa) na que poida incorrer o alumnado ou as familias galegas.

- Plan especial de atención á diversidade e nomeadamente ao alumnado NEAE, nunha hipotética cancelación total ou parcial da formación presencial.

- Garantía absoluta da formación de profesorado, alumnado e familias nunha posíbel formación a distancia que garanta:

  • A utilización de plataformas e sistemas de comunicación homoxéneos, limitados e coñecidos.
  • Control dos tempos dedicados á formación a distancia.
  • Acompañamento ao alumnado, nomeadamente ao alumando NEAE, así como ás crianzas de menor idade do sistema.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Nós, a ANPA

ELECCIÓNS AO CONSELLO ESCOLAR 2024