Allariz con Igualdade II

O programa ALLARIZ CON IGUALDADE é un programa desenrolado pola ANPA Airiña do CEIP Padre Feijoo de Allariz por segundo ano consecutivo, dada a boa acollida que tivo por parte da comunidade educativa o ano pasado.

A idea foi organizar diversas actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ó alumnado de CEIP Padre Feijoo e ás súas familias, prestando especial atención á formación e participación das familias como instrumento de acción coeducativa, e buscando a implicación activa da comunidade educativa converténdoa en axente de cambio que promova a igualdade de xénero e a loita contra a violencia de xénero e a erradicación dos estereotipos.

A finais do pasado mes de xullo, comunicáronnos a concesión da subvención para desenrolar o programa completo que solicitáramos durante o mes de febreiro. Dende que nos comunicaron a resolución da convocatoria, e tendo en conta a situación na que nos atopamos, estamos organizando de forma conxunta coa dirección do centro, co concello e cos responsables de cada unha das actividades a forma máis segura de desenvolvelas. En canto teñamos unha previsión das datas nas que se van a desenvolver, darémoslle difusión polas canles habituais. As actividades que se incluiron na memoria da solicitude son as seguintes.

  1. Desenrolo do seminario “Micromachismos, macroviolencias, novas masculinidades e prevención de violencia de xénero”, no Fogar dos Maiores de Allariz. Dirixido ás familias e rapazas e rapaces de primaria, abordarase a necesidade de prever a violencia de xénero detectando o  machismo existene na sociedade, dando unha nova opción de vivir a masculinidade dun xeito respectuoso, igualitario e responsable que constrúa un novo rol do home no seu grupo de iguais.
  2. Desenrolo do seminario “Uso axeitado de internet e das redes sociais e hipersexualización da muller” dirixido ás familias e ó alumnado do colexio, abordaráse a etapa de vida na que as rapazas e os rapaces comezan a manexar internet, ter teléfono propio con tarifa de datos, perfís nas redes sociais. Os contidos desenvolveranse en torno á ciberviolencia sexual na mocidade e a violencia simbólica na cultura mainstream, e as relacións sas entre mozas e mozos.
  3. Semana da muller na ciencia”. Actividade dirixida a todo ó alumnado do colexio organizada pola Academia As Curuxas, co fin de:
    • Descubrir o papel da muller na sociedade e en particular na ciencia.
    • Eliminar prexuízos entorno ó xénero.
    • Dar referentes femininos de mulleres científicas ás nenas.
    As actividades están deseñadas especificamente para cada un dos niveis educativos do colexio coa seguinte planificación:
    • Infantil: “A muller na historia”. A través do teatro farémonos eco dos descubrimentos realizados por 4 científicas históricas. Será o alumnado quen se encargará por medio de xogos de ir avanzando a obra. Co obxectivo de facer ver ós máis pequenos o importante papel da muller no desenvolvemento da sociedade e espertar así o xerme da actividade científica.
    • 1º Ciclo Primaria: “María Tifoidea”. A historia de María Tifoidea ocorrida nos Estados Unidos a finais do século XIX, será unha divertida representación para visualizar no alumnado a importancia da ciencia e como a nosa hixiene repercute na nosa saúde e na dos nosos compañeiros. Dará pé a introducir outros descubrimentos e avances en materia de salubridade visualizando en todo momento o importante papel da muller.
    • 2º Ciclo Primaria: “A ciencia ten xénero?”. Coa finalidade de traballar nos prexuízos e romper así barreiras eliminando o pensamento de que a muller destaca nas labores domésticas e o home é mellor nas labores non domésticas. Iremos descubrindo pouco a pouco e de forma dinámica inventos con diferentes finalidades sociais e creando debate nas aulas para fomentar outra visión da sociedade.
    • 3º Ciclo: “Trivial con-ciencia”. Co xogo como ferramenta potenciaremos o coñecemento da ciencia a través do traballo de mulleres en particular, pero tamén de homes. Traballando por equipos e a través de preguntas e probas, avanzaremos con conciencia visualizando tanto os descubrimentos como os avances que fixo e propiciou a muller ó longo da historia e na actualidade.
  4. Semana da muller no arte: Xogando a pequenas grandes artistas”, dirixida ó alumnado de primaria. Esta actividade consistirá en amosarlles as obras das Grandes Artistas e as técnicas que utilizaban dende unha perspectiva de xogo libre pero organizado, no que o alumnado non se ve obrigado a conseguir un reto se non que tan só ten que deixarse levar pola experiencia e os seus sentidos. A continuación preséntanse as artistas que se abordarán para o estudio das súas técnicas. Inclúese unha breve introdución teórica do contexto histórico e algunha característica da súa personalidade en función da curiosidade do alumnado.
    • Remedios Varo, escritora e pintora surrealista española que mesturaba o científico, o místico, o esotérico e o máxico.
    • Georgia O'Keeffe, pintora modernista estadounidense.
    • Maruja Mallo, pintora galega surrealista que foi integrante da xeración do 27.
    • Menchu Lamas, pintora galega que camiña entre a figuración e abstracción.
  5. Actividade de contacontos dirixida ó alumando de infantil: “Contos vellos novos finais (Contos de igualdade)”, a cargo da Trastenda dos Contos (Caxoto Contacontos). Na Trastenda dos Contos levan anos traballando contidos relativos á igualdade. Con cada conto busca rachar un estereotipo de xénero, fomentar a coeducación e normalizar entre as vindeiras xeracións a igualdade. Baixo o nome “Contos vellos novos finais” recollen varias propostas para traballar arredor da igualdade. Baixo o paraugas dun mesmo espectáculo ofértase un espectáculo no que se traballa a personaxe dun médico que ven a diagnosticar o sexismo. Traballándose contidos relativos á igualdade laboral: teito de cristal, brecha salarial, reparto laboral segundo o sexo... Todo dende o bo humor, a narración oral e a educación en valores.
  6. Actividade de contacontos “Contos de nenas grandes e pequenas”, a cargo da compañía Tropa de Trapo, dirixida a tódalas familias e público infantil da comunidade educativa. Esta actividade desenvolverase na Casa da Cultura do Concello de Allariz. A proposta da compañía de teatro é contar contos nos que as nenas sexan as protagonistas e saian dos papeis secundarios, para que tanto as nenas e os nenos comprendan que outra realidade é posible.
  7. Realización dunha actividade dirixida directamente ás familias, nais e pais, que facilite a difusión, información, coñecemento e mesmo reflexión sobre as actividades de difusión levadas a cabo co alumnado e co resto da comunidade educativa.

Esperamos que sexan do voso interese.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Nós, a ANPA

ELECCIÓNS AO CONSELLO ESCOLAR 2024