Comezo actividades do programa Allariz con Igualdade II
Unha vez organizadas as actividades en conxunto co profesorado do
colexio, xa temos datas pechadas para realizalas. Tódalas actividades
desenrolaranse cumprindo as normas hixienico-sanitarias que require a
situación na que nos atopamos, co fin de manter o illamento dos grupos
estables de convivencia do colexio.
As actividades que se van desenrolar no colexio son as seguintes:
1. “Semana da muller no arte: Xogando a pequenas grandes artistas", dirixida ó alumnado de primaria. Esta actividade consistirá en amosarlles as obras das grandes artistas e as técnicas que utilizaban dende unha perspectiva de xogo libre pero organizado, no que o alumnado non se ve obrigado a conseguir un reto se non que tan só ten que deixarse levar pola experiencia e os seus sentidos. Inclúese unha breve introdución teórica do contexto histórico e algunha característica da súa personalidade en función da curiosidade do alumnado. As artistas que se abordarán para o estudio das súas técnicas son as seguintes:
- Remedios Varo, escritora e pintora surrealista española que mesturaba o científico, o místico, o esotérico e o máxico.
- Georgia O'Keeffe, pintora modernista estadounidense.
- Maruja Mallo, pintora galega surrealista que foi integrante da xeración do 27.
- Menchu Lamas, pintora galega que camiña entre a figuración e abstracción.
Esta actividade será impartida por Fátima Rodríguez (Fatiropina), os días 20, 22, 23, 29 e 30 de outubro, en horario escolar e coa colaboración do profesorado.
2. Actividade de contacontos dirixida ó alumando de infantil: “Contos vellos novos finais (Contos de igualdade)”, a cargo da Trastenda dos Contos (Caxoto Contacontos).
Na Trastenda dos Contos levan anos traballando contidos relativos á igualdade. Con cada conto busca rachar un estereotipo de xénero, fomentar a coeducación e normalizar entre as vindeiras xeracións a igualdade. Baixo o nome “Contos vellos novos finais” recollen varias propostas para traballar arredor da igualdade. Baixo o paraugas dun mesmo espectáculo ofértase un espectáculo no que se traballa a personaxe dun médico que ven a diagnosticar o sexismo. Traballándose contidos relativos á igualdade laboral: teito de cristal, brecha salarial, reparto laboral segundo o sexo... Todo dende o bo humor, a narración oral e a educación en valores.
A actividade desenrolarase o día 27 de outubro, a proposta e realizala no patio do colexio de infantil, pero dependerá das condicións meteorolóxicas. En caso de que non se poda facer no patio, buscarase unha solución que permita reliazala garantido a medidas hixiénico-sanitarias e de distanciamento.
3. "Semana da muller na ciencia". Actividade dirixida a todo ó alumnado do colexio dende 5º de infantil co fin de:
- Descubrir o papel da muller na sociedade e en particular na ciencia.
- Eliminar prexuízos entorno ó xénero.
- Dar referentes femininos de mulleres científicas ás nenas.
As actividades están deseñadas especificamente para cada un dos niveis educativos do colexio coa seguinte planificación:
- Infantil: “A muller na historia”. A través do teatro farémonos eco dos descubrimentos realizados por 4 científicas históricas. Será o alumnado quen se encargará por medio de xogos de ir avanzando a obra. Co obxectivo de facer ver ós máis pequenos o importante papel da muller no desenvolvemento da sociedade e espertar así o xerme da actividade científica.
- 1º Ciclo Primaria: “María Tifoidea”. A historia de María Tifoidea ocorrida nos Estados Unidos a finais do século XIX, será unha divertida representación para visualizar no alumnado a importancia da ciencia e como a nosa hixiene repercute na nosa saúde e na dos nosos compañeiros. Dará pé a introducir outros descubrimentos e avances en materia de salubridade visualizando en todo momento o importante papel da muller.
- 2º Ciclo Primaria: “A ciencia ten xénero?”. Coa finalidade de traballar nos prexuízos e romper así barreiras eliminando o pensamento de que a muller destaca nas labores domésticas e o home é mellor nas labores non domésticas. Iremos descubrindo pouco a pouco e de forma dinámica inventos con diferentes finalidades sociais e creando debate nas aulas para fomentar outra visión da sociedade.
- 3º Ciclo: “Trivial con-ciencia”. Co xogo como ferramenta potenciaremos o coñecemento da ciencia a través do traballo de mulleres en particular, pero tamén de homes. Traballando por equipos e a través de preguntas e probas, avanzaremos con conciencia visualizando tanto os descubrimentos como os avances que fixo e propiciou a muller ó longo da historia e na actualidade.
A actividade será impartida polo persoal da Academia As Curuxas, durante os días 12, 13, 16, 17, 18, 19 e 20 de novembro.
4. Organización dun obradoiro dirixido ás familias: “A diversidade e a comunicación como aliadas para a convivencia e o manexo
dos conflitos”. Contouse coa colaboración do Concello de Allariz e impartiuse no Fogar do
Maiores o 26 de novembro. Tratouse dun obradoiro teórico e práctico co fin de
acadar os seguintes obxectivos: facilitar un espazo para a reflexión sobre a
diversidade presente nas persoas, achegar algunha ferramenta comunicativa para
manexar os conflitos, promover un espazo para pensar sobre o conflito e a nosa
relación co mesmo e achegar nocións que facilitan a comprensión das diferenzas
como valor para a posta en práctica da igualdade.
Comentarios
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario, en breve aparecerá publicado no blogue.