En Negro Contra as Violencias
Dende a directiva da ANPA Airiña decidimos unirnos un ano máis á campaña En Negro Contra As Violencias. A continuación reproducimos o Manifesto desta 6º edición.
Manifesto 25 de novembro de 2020
Este ano vai quedar marcado para a nosa memoria como o ano da COVID-19, pero, sen dúbida, tamén por moitas mulleres será recordado como o ano no que tivemos que facer un esforzo adicional, exercendo, aínda que non o foramos, de ensinantes, psicólogas, coidadoras…. Este aumento na carga de coidados, unido á interrupción das redes sociais próximas, creou unha maior situación de tensión no fogar, o que elevou a posibilidade de aumento de risco das violencias.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) amosou así a súa preocupación polo incremento global da violencia de xénero e intrafamiliar durante esta crise sanitaria e instou os países para adoptar medidas urxentes de prevención e asistencia ás vítimas, e en particular ás que sofren violencia por parte da súa parella, como un servizo esencial dentro das accións desta emerxencia sanitaria. En Negro ten amosado, no seu percorrido, ser unha ferramenta esencial para sensibilizar a sociedade, un paso imprescindible para loitar Contra As Violencias Machistas.
Por iso, a ANPA Airiña súmase a esta acción, canda outros cento corenta e tres concellos e milleiros de entidades, para tinguir Galicia, e outros lugares, como un río de carraxe que pretende poñer fin a estas violencias que sufrimos as mulleres polo simple feito de sérmolo, e por riba de todo, aos feminicidios.
No que vai de ano, 41 mulleres foron asasinadas en España, 1074 dende que se empezou a contabilizalas, no 2003. Destas corenta e unha mulleres, polo menos trinta convivían co seu agresor. A nivel mundial, os últimos datos que coñecemos son do 2017, e indican que 3 de cada 5 mulleres asasinadas, fórono á mans das súas parellas, exparellas ou algún membro da familia. Nese ano, estímase que no mundo 87 000 mulleres foron vítimas de feminicidios.
Estes datos poñen de relevo a importancia de crear redes entre mulleres, de traballar dende o local para todas, entrecruzando fíos que consoliden ese tecido, fomentando a atención e o empoderamento necesario para afrontar esta situación social. Poñendo, ademais, énfase na necesidade de visibilizar o papel de quen acubilla e silencia estas violencias, pois quen lle outorga complicidade ao agresor e mira para outro lado tamén é culpábel.
Desde a ANPA Airiña queremos reiterar neste 25 de novembro o noso compromiso para erradicar as violencias contra as mulleres, así como a nosa obriga de combatelas con todos os recursos dispoñíbeis ao noso alcance e incluíndo a todas e a todos nesta loita (axentes sociais, institucións, cidadanía, medios de comunicación…); recoñecendo, deste xeito, o importante papel das entidades locais como poderes públicos próximos ás realidades que viven mulleres e cativos.
Por iso, este 25 de novembro vestímonos de loito, no traballo, na casa e na rúa, facendo visible os feminicidios, facendo visible as violencias. Porque non somos unha, nin dúas, somos milleiros de persoas as que estamos fartas de aturar as violencias machistas. En xogo está a vida de milleiros de mulleres e, por iso, EU LOITO CONTRA AS VIOLENCIAS, LOITO CONTRA O MACHISMO.
Novembro de 2020.
Comentarios
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario, en breve aparecerá publicado no blogue.