Manifesto 25 de Novembro - 5ª edición de Galicia en Negro
A ANPA Airiña, xunto a cento vintecinco concellos,
milleiros de establecementos, empresas e colectivos que están a tinguir
Galicia, unímonos a esta acción social contra as violencias machistas
para manifestar a máis absoluta repulsa ante todo tipo de violencias
contra as mulleres, e de xeito máis enérxico, a súa consecuencia máis
extrema, os asasinatos.
Este ano –segundo datos oficiais– foron asasinadas 51 mulleres en
España, sen contar as mortes ‘colaterais’, asasinadas por estar ao lado
da vítima, por ser irmá, filla ou nai. No caso de Galicia o contador
suma xa cinco. Cinco mulleres foron asasinadas a mans de homes dos que
pretendían afastarse: Maria José, Sandra, Alba y María Elena en Valga e Mari Carmen en Vilalba. A rabia e o desconsolo fainos seguir avanzando nesta andaina, e empúrranos a vestir de negro como símbolo de loito, pero tamén de loita.
Sabemos que a morte é a última e máis extrema das violencias
machistas, pero que son moitas máis e de moi diferentes formas as
violencias que rodean e perseguen ás mulleres. Nos últimos meses
atopámonos coa dobre agresión que sofren as mulleres vítimas de
violacións en grupo e de sentenzas que subestiman a situación de
indefensión ante os agresores. Para afrontar todas estas violencias, é
preciso recoñecer as graves fendas de xénero existentes no ámbito
social, económico, cultural; compre atallar as causas estruturais e
sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas reais
para a promoción da igualdade e a prevención das violencias, contemplar
recursos humanos e económicos para o seu correcto desenvolvemento, no
ámbito da educación, da xustiza, dos coidados... por iso, este ano,
queremos precisamente incidir na prevención, facendo o chamamento de CONTRA AS VIOLENCIAS, EDUCACIÓN!
Tamén queremos denunciar a complicidade de quen acubilla e silencia
estas violencias, porque quen actúa con complicidade e mirando para
outro lado, tamén é culpable!
Dende ANPA Airiña queremos reiterar neste 25 de novembro, o noso compromiso na loita
pola erradicación das violencias contra as mulleres e combatelas con
todos os recursos ao noso alcance, e incluír a todas e a todos nesta
loita, axentes sociais, institucións, cidadanía, medios de comunicación…
recoñecendo a importancia do papel das entidades locais en tanto
poderes públicos próximos ás realidades que viven as mulleres e as
crianzas.
Xuntas, en rede, será máis doado seguir!
Novembro 2019
Comentarios
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario, en breve aparecerá publicado no blogue.